Unhas palabras con Telmo Fernández

 Santiago de Compostela, 3 de novembro do 2015.

O Dado Dadá Jazz Club recibía aquela noite ao guitarrista Telmo Fernández, acompañado de Paco Charlín (contrabaixo) e Andrés Rivas (batería). Xuntos conforman Telmo Fernández trío.

O público gozou dunha agradable velada, grazas a un impecable Jazz instrumental con pequenos toques de Blues. Saíndo do local tras a actuación, atopámonos co pioneiro deste proxecto e intercambiamos unhas palabras con el.

  • Segundo o videoclip de “Chocolatita”, Telmo Fernández Trío formouse de xeito espontáneo. É certo?

É a segunda vez que damos un concerto xuntos con esta formación, así que se podería dicir que en realidade é un pouco coma no vídeo.

Tocar, espontaneidade e punto.

  • Por que Jazz?

Iso me pregunto eu (risas). Pero non só me gusta o Jazz, pois compoño e toco outros estilos, traballando simultaneamente en diferentes proxectos. Por exemplo, este ano sacamos un CD co organista inglés Phil Wilkinson, nunha onda máis funk.

  • Improvisación ou solos preparados para os directos?

Hai improvisación. Tocar é como falar. Un ten o seu vocabulario e retrousos, unha certa preparación a fin de contas, que permite solear.

  • Influencia de Wes Montgomery?

Si, encántame.

  • Decateime de que cantas a melodía polo baixiño ao interpretar algún solo. A que se debe?

Remanente dunha técnica de aprendizaxe.

Cando comecei a estudar improvisación, ensináronme a cantar, coa intención de sacar a música de dentro, en troques de facelo ximnasticamente, con exercicios de dedos, algo no que é moi fácil caer nun intrumento como é a guitarra.

Telmo foto 2

  • Cal é a túa opinión sobre o panorama musical actual? Como está o mundo dos directos?

Pois moito peor que hai 10 anos, por exemplo. Cada vez hai menos festivais, menos locais que fan música en directo… Está bastante complicado todo.

  • Para rematar: unhas palabras para a audiencia e algún consello para os grupos noveis.

Para a audiencia: Que non perda a tradición. Que trate de acudir á música en vivo: ten poder e enerxía, unha aura máxica que non existe na música gravada.

Para os grupos noveis: que escoiten  e aprendan dos discos que lles gusten. Que ensaien e toquen o máximo posible. E o máis importante: se de verdade lles gusta, que sigan adiante, sen importarlle as dificultades que se poidan presentar.

  • Algunha páxina web na que poidamos escoitar os teus traballos?

  • Moi ben. Isto é todo Telmo.

Moitas grazas.

  • Grazas a ti.

 

E o artista vólvese cara á sala de concertos, para unirse á jam session que comezara minutos antes.

Entrevista por Héitor Amenaza, embaixador en Conzerto en A Coruña

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*